O nome de Leña Verde foi escollido no ano 1994 polos fundadores da actual Asociación Cultural e do grupo como lembranza e recoñecemento aos integrantes dunha formación escolar homónima que existira no concello de Pol durante os anos 50 e 60. Aquela iniciativa fora promovida polo mestre Don Daniel Pérez, que exercía a docencia na escola de Luaces, moi perto de Mosteiro (Pol).

Naqueles comezos (1955) encargáronse de tocar os adultos Manuel Vázquez (gaita), José Iglesias (caixa) e  José Domínguez (bombo), mentres que Don Daniel instruía ao alumnado que bailaba (Antonio Penelas e Mª Jesús Tellado; José A. Brañanova e Concepción Sanjurjo; Fernando Ónega e Maruxa Rielo). Esta formación actuaba nos descansos das montaxes teatrais que artellaba con xente maior o mestre Pérez, obtendo como recompensa cartos e caramelos que lles mandaban cara o escenario.

(Pulsa nas imaxes para amplialas e ver a información)

No 1958 desfaise o grupo de baile e Leña Verde conserva só a parte musical, participando Manuel Expósito, Francisco Balado e Sergio Vilavella como gaiteiros; Ricardo Piñeira, co tamboril; Manuel Fernández co bombo e José Freire e José A. Brañanova, na pandeireta. Para preparar aos novos músicos Don Daniel, que tiña coñecementos musicais pero non sabía tocar a gaita, contacta cun xoven Antón Corral -ilustre home da nosa música que daquela se atopaba en Lugo- para que viñera dende a capital a impartir clase.

Como mostra da abnegación da que había que botar man naqueles tempos difíciles, servirá a seguinte anécdota: vendo o mestre Daniel que Antón tiña que percorrer os 25 kilómetros que hai dende Lugo a Luaces nunha bicicleta, decidiu xenerosamente cambiarlla pola súa moto Guzzi para facilitarlle o desprazamento.

O grupo realiza actuacións pola comarca ata que, a comezos dos anos 60, o falecemento do mestre e impulsor fan que a formación desapareza, continuando viva na memoria colectiva da veciñanza deste concello ata hoxe.

Daquela formación orixinal seguen no grupo actual José A. Brañanova, como percusionista, e Maruxa Rielo desenvolvendo tarefas de produción. Asimesmo, ámbolos dous son membros da xunta directiva da asociación cultural.