Por que?
Chegados a este punto, e rezumando este libro-disco aínda ese cheiro a novo que desperta a avidez por explorar o descoñecido, queremos darche uns cantos porqués acerca do traballo que tes entre mans.

Por que o facemos?
Porque, despois de vinte anos de camiñar paseniño e incesante, o grupo Leña Verde quere lembrar a tódalas almas que lle deron vida, e con ela alimento para a asociación cultural que o acubilla e se nutre del. Porque Leña Verde non é só música, é todo un proxecto de dinamización cultural no que participaron e participan activamente moitas persoas, de tódalas procedencias e idades, ás cales tamén vai adicada esta compilación, en forma de agradecemento cómplice. Unha infinidade de recordos, ansias, vivencias e leccións de amizade fan que quen formamos nalgún intre parte do colectivo teñamos xa un xeito propio de ver a vida: a contratempo.

Por que A Contratempo?
Porque é o cerne de Leña Verde. Estes vinte anos foron de pelexa coa resignación, unha rebelión contra o esmorecemento do paraíso no que habitamos e o noso propio. Leña Verde existe para dar á veciñanza motivos, escusas para saír da casa e facer vida en comunidade.

E os que participamos activamente no grupo durante este tempo sabemos, despois de máis dun milleiro de ensaios, tres discos e centos de actuacións no país e fóra del, que a nosa lóxica vital é a da loita co calendario e co reloxio. Lémbrannos despiadados que pasan semanas, meses... e seguimos a traballar as mesmas pasaxes cada venres; que as nosas familias e o descanso agardan dende hai horas; que cómpre que casar quince axendas para viabilizar aquela actuación que tanto nos ilusiona. Pero ao final, misteriosamente, vai cadrando todo e a música continúa soando, en ocasións, a contratempo.


Por que esta música?
Por varios motivos. Porque, a pesar de que a engrenaxe creativa do grupo non se detén nunca e chegará algún día a cobrar entidade propia noutro disco inédito, pareceunos que era este momento de outorgar todo o protagonismo á música das dúas décadas que conmemoramos.

Porque nos emociona incluír o son da primeira Leña Verde, que marchara en 1997 chea de ilusión cara os estudos Edisco na Estrada facer unha maratón de gravación, ensaiando os últimos acordes de cada peza no camiño de ida. Era a realización dun soño de veciños e amigos que xamais pensaran en escoitarse nun radiocasette, inmortalizados naquelas cintas transparentes...

Haberá tamén quen nunca teña escoitado aquel Lares do 2003, cunhas melodías máis repousadas e arranxos musicais máis elaborados. Foi unha homenaxe ao fogar de fogares que pretendía ser a asociación. Foi a primeira produción de Leña Verde feita no propio concello, e aínda que aquela manta debaixo da que moitos gravamos para insonorizar cada pista era unha forma de illarnos do mundo, o Lares levou osíxeno de Pol polos catro costados.

Incluímos, en primeiro lugar, toda a música do terceiro álbum porque A Contratempo é froito e consecuencia dos outros dous; porque é o traballo que máis se asemella á Leña Verde de hoxe e os seus concertos.


E... por que che agradecemos tanto a compra?
Porque, grazas á adicación íntegra dos beneficios das actuacións e da venda de produtos coma este que tes nas mans, Leña Verde puido acometer nestes vinte anos a financiación de ducias de actividades culturais relativas ao teatro, á etnografía, á divulgación arredor da saúde e do medio de vida agrícola e gandeiro, á gastronomía, ao cinema, á danza, á maxia, ás novas tecnoloxías... E, por suposto, á formación e dinamización da xuventude, tendo sempre na mente aquela formación escolar que impulsara nos anos 50 do pasado século o mestre Daniel Pérez.

Porque nos axudas a cumprir o desexo, un tanto vaidoso pero natural, de poder amosarche o que somos e tamén de onde vimos. Porque das saída á nosa teima como grupo de compartir o resultado de horas de traballo lento e tenaz, na procura dun universo musical inalcanzable que é, xunto coa amizade, o que nos leva xuntando cada venres, en cada actuación e para cada gravación.   

En definitiva, porque acollendo esta morea de sons, imaxes, aromas e texturas convírteste en partícipe e cómplice de tantos anos, vinte, de vida a contratempo.



A CONTRATEMPO

Estas son mans que tocan a contratempo,
que inverten as espirais, que derraman ritmos sobre aldeas enteiras.
Estas, as mans que tocan, as que unhas veces arrecenden á calma do fol
e outras á memoria da profundidade das voces na praza,
son as que enchen os camiños baleiros de vida con alma de pasacorredoiras.
Deitadas no arritmo arrastran lembranzas na busca do contratempo,
as mans,
mentres os acordes visten de festa o peso que as ata á terra.

Porque contratempo é a harmonía do conxunto virando o reloxo,
habitar as horas da madrugada contra a vertixe
que nos rouba o espazo, a atención
os soños.
Son as mans, a xuntanza,
a regularidade dos compases remexida pola tensión das cordas,
os alicerces da cultura percutidos,
o coiro
a fricción metálica en comuñón co diálogo das chaves.
É a música provocada para que vire o vento e mude a sorte,
Na praza máis próxima,
hoxe
aquí mesmo.
A contratempo.



01. A contratempo (1:42). Naír G. Abelleira / Óscar Trigo
Nace esta introdución da xenerosa creatividade de Naír, excompañeira do grupo de danza que escribiu un texto tan poliédrico coma o universo sonoro e humano que o inspirou.      
          

02. Albor en Hío (4:10). Tradicional / Óscar Trigo
A Danza de San Roque de Hío, primeiro corte do disco A Galicia de Maeloc de Milladoiro, marca o comezo da produción discográfica dunha banda que foi referencia do folk galego e mundial e á cal tentamos render homenaxe con este tema.

03. Vira o vento e muda a sorte (3:47). Carlos Abraira
O vento vira de rumbo coma a xente nova, que anda na busca da súa sorte. Ás veces debuxa figuras absurdas no fume da leña verde; noutras ocasións, de tanto turrar, deita carballos...

04. Cantarela (2:59). Tradicional / Begoña Coya
Neste tema introducimos as voces de Noemi Basanta e Begoña Coya co único acompañamento das pandeiretas que elas arranxaron. A melodía e coplas da xota foron recollidas por Noemi da súa avoa, Fe Cartea Novo, mentres que a letra da muiñeira que segue correspóndese cun recitado da avoa de Begoña, Justina Fernández Méndez, para o cal a neta creou unha melodía de inspiración tradicional.

XOTA
Nämoreime dun canteiro
porque cantaba mui ben
e agora morro de fame
e o cantar non me mantén

* Ai laralalalalala ailalala ailalala
tralaralalalalala ailalala ailalala

Todos los que cantan bien
beben viño y aguardiente
Yo como canto tan mal
bebo agua de la fuente
*

Dícenme que canto mal
Para mi canto bastante
Y el que no me quiera oír
Que camine adelante
*

MUIÑEIRA
O cantar vai na gracia
O bailar en ser lixeiros
O namorarse en ser guapos
e o campar en ter diñeiro
*

A miña muller morreu
e enterreina no palleiro
e deixeille un brazo fóra
pra que tocase o pandeiro
*

A raíz do toxo verde
é moi mala de secarhe
e os amoriños primeiros
son moi malos de olvidarhe
*


05. Porto Rielo (2:30). Óscar Trigo
Polca que reflicte, entre outros, a admiración pola sonoridade dos Campaneiros de Vilagarcía. O título débese a que un compañeiro, oíndo nos primeiros ensaios desta peza os descensos abundantes da harmonía, bromeou dicindo que semellaba que estabamos baixando o Porto Rielo, unha das zonas de entrada a Mosteiro, onde nos xuntamos tódolos venres á noite.

06. A Farruca (2:54). Tradicional / Javier Rodríguez
Javier Rodríguez, o membro máis veterano e alma de Leña Verde, fóisenos en Febreiro do 2010. Home de inquedanzas, culto e sensible, compaxinou durante quince anos no grupo a súa faceta de intérprete coa de compositor, sendo unhadas nosas fontes de repertorio. Esta peza foi transcrita por el a partir dun vello disco de pedra da orquestina Os Farrucos, gravación que conservou na súa memoria dende hai cincuenta anos, momento no cal contaba Javier que o seu pai se  desfixera do disco, cambiándollo a un amigo por outro de música asturiana.Tomando como base aquelas muiñeiras engadiulles xiros propios del, converténdoas neste tema, gravado seguindo as súas indicacións.

07. Rumba das nenas (5:52). Tradicional / Óscar Trigo
Outra cantiga tradicional aportada por Noemi e Begoña, que arranxamos tentando destacar a brancura coa que elas a cantan. Aprendérona do mestre Xurxo Fernandes, quen a recolleu en Malpica de Bergantiños co nome de Rumba de Cambre. Neste tema contamos coas guitarras eléctricas e acústicas de Dani Flaco, admirado e vello coñecido cantautor de L'Hospitalet que viviu esta colaboración cunha ilusión e profesionalidade que sempre lle agradeceremos.

Mándame toca-la rumba
e eu a rumba nona sei
para quen está bäilando
eu a rumba tocarei

*Ailalalaralalala ailalalaralala
ailalalaralalala  ailalalaralala

Laralalala laralala
laralalala larala
laralalala laralalala
aiala laralala

Quero ben non sei a quen
quero ben non sei a quen
quero ben a miña naihe
que me quer a min tamén.
*

Vale máis unha morena
alegre de corazón
ca unha branquiña de cara
con pouca desposición
*

Vouvos dá-la despedida
vouvos dá-lo parabén
vouvos dá-la despedida
que ma dan a min tamén
*


08. Lembranzas (4:04). Javier Rodríguez
Segunda aportación de Javier a este disco, un pasodoble inspirado en recordos de toda unha vida en contacto coa música como gaiteiro, acordeonista, saxofonista e compositor. No arranxo tentamos achegarnos, unha vez máis, á sonoridadedas bandas populares, tan presentes na biografía do mestre e tan importantes no noso patrimonio musical.

09. O burriño (2:31). Pedro Lamas
Para nós sempre é un pracer tocar esta fermosa muiñeira de Pedro Lamas, undos gaiteiros máis importantes do país. Contamos nesta gravación coa colaboración especial de Bruno Villamor, outra persoa que, a pesar da súa xuventude, goza de renome no mundo da música tradicional galega, tanto no eido dainterpretación coma no da composición e arranxos. Grazas mil ós dous.

10. Malpica (4:17). TRADICIONAL / Óscar Trigo
Coma no caso da rumba, esta peza foi aprendida por Noemi e Begoña de XurxoFernandes no XXIV curso de cultura tradicional galega, organizado polaasociación Cántigas e Frores de Lugo. Xurxo recolleu as coplas e melodía en Malpica, A Coruña, co nome de Jota de Cerqueda.

Malpica dos meus amores
o rei te quixo venderhe.
Para mercar a Malpica
moitos cartos hai que terhe

*Ailalalala ailalalala
ailalalalalalalalalala
ailalalala ailalalala
ailalalalalalalalalala

Miña mädriña é boa
cando coce dame un bolo
e cando está ienfadada
báteme ca pá no lombo
*

Os ollos do meu amante
están enterrados na areia
quen fora desenterralos
ten cen anos de cadeia.
*

Miña nai o pote ferve
a vosa filla non vénhe
no pasadoiro da ihorta
ialgún galán a deténhe

Esta vai por despidida
esta vai polo remate
o que diga que vai malhe
que mala morte o mate

Äi vai, äi vai, äi vai o demo
äi vai, äi vai, vai para o inferno
äi vai, äi vai, äi vai o demo.


11. Auga en Marte (3:31). Darío Tella / Carlos Abraira
Darío bautizou esta rumba mentres agardaba para ensaiar polo xornalista e tamén saxofonista do grupo Jesús Penelas, quen se desculpou pola tardanza alegando ter vivido na redacción do periódico un auténtico trebón de novas, culminado polo descubrimento ó que fai referencia o título.

12. Panadeiro de Berlán (4:58). Tradicional / Óscar Trigo
Esta xota tradicional pertencía ó repertorio da primeira formación de Leña Verde, da cal formaba parte como gaiteiro Manuel Vázquez Colmenares, o Panadeiro de Berlán. Hai xa máis dunha década, cando estabamos a remata-las mesturas do anterior disco, José Antonio Brañanova -outro dos históricos de Leña Verde- trae a Manuel ó estudo para que deixase rexistrada coa voz esta xota que lle acababa de cantar no bar Canadá de Mosteiro. A interpretación aproxímase moito á tonalidade das gaitas en DO, algo que nos chamou a atención e que podedes comprobar na introdución do tema. Dálle lustre ó arranxo a pandeireta sabia de Xaneco Tubío, músico e artesán de Outeiro de Rei adicado á construción de zanfonas e instrumentos de percusión tradicional galega.


TEMAS 1994-2003

13. Airiños de Pol (4:01). Javier Rodríguez
Abriamos o segundo disco Lares no 2003 con este froito da inspiración do gaiteiro e saxofonista Javier Rodríguez. Adicada ó noso concello, a peza é unha muiñeira en tres partes unha das cales, en Fa maior, constitúe unha boa proba para a técnica, o oído e o tempero de calquera gaiteiro.

14. Pasacorredoiras da Feira (2:36). Óscar Trigo
No 2000 Leña Verde participou no Festival de Espargo, en Sta. María da Feira (Portugal). Alí coñecemos a unhas familias hospitalarias e xenerosas que fixeron que gardaramos un gran recordo daquela visita. A eles e ós amigos que fixemos en campañas posteriores no país irmán adicamos esta lixeira peza.

15. Carballeira (5:12). Tradicional, Óscar Trigo
Este tema, tamén do álbum Lares, foi iniciativa de José Antonio Brañanova, un dos membros históricos de Leña Verde. Está construído a partir dunha pequena melodía tradicional que aparece nos cancioneiros con numerosas variantes tanto na música coma no texto. A versión que nós empregamos foi a que nos cantou o propio José Antonio, e que ten como letra a seguinte copla:

Carballeira de San Xurxo
carballeira revirada
naquela carballeiriña
perdín a miña navalla


16. Rapsodia galega (5:44).

Tradicional, Xosé Castro "Chané", Xoán Montes
As bandas de música foron no pasado unha vía de entrada da cultura musical nas clases populares, xa que non só contribuían á formación, senón que tamén eran practicamente o único medio que tiña un melómano para coñecer pezas de autor (a chamada música "culta"). Esta faceta foi e é complementada por outra, que consiste na execución de melodías populares arranxadas, caso das que integran esta Rapsodia compilada por Javier Rodríguez e incluída no noso segundo disco. Trátase dun percorrido instrumental por cantos tradicionais, coa única excepción da citas de Unha noite na eira do trigo e da muiñeira O bico, creacións de Xosé Castro “Chané” e Xoán Montes, respectivamente.

17. Miña xoia (2:24). Javier Rodríguez
Esta muiñeira, que no seu día rescatou Javier do seu catálogo de composicións, converteuse na primeira peza dun membro do grupo en ser gravada, practicamente á caída, naquel primeiro traballo de 1998.

18. Foliada en Caraño (4:04). Tradicional
Último tema do disco inaugural, e tamén derradeiro en ser rexistrado. Cando segunda e última xornada de gravación en Edisco cumprira xa as dez horas ocorréusenos simular, con total nocturnidade e co inestimable liderado de Manolo Carballedo, o ambiente dun bar de Mosteiro para enmarcar esta foliada recollida por Xico de Cariño na vila polense de Caraño na década de 1970.

19. Miña xoia, versión 2010 (2:27) Javier Rodríguez
Arranxo creado na primavera do 2010 a partir desta muiñeira de Javier, de gran poder simbólico para o grupo. Dende entón este tema soa sempre ao remate de tódolos concertos, en lembranza do mestre e amigo.

20 anos a contratempo
Duradisc, 2014
Ref. XLV04CD
Dep. legal BI-1108-2014

SAÍDA Á VENDA: Ago.-Set. 2014


**********

CRÉDITOS LIBRO-DISCO:

Fotografías: Manolo Díaz, Luis Freire, Humberto Paz e Manolo Villegas
Concepto visual e deseño de carpeta: Tania Villamarín
Emborcado da DAT do álbum de 1998 levado a cabo por Ramón Campos nos Estudios Cormorán (Padrón) en xullo do 2014
Compilación de audio e masterización realizada en Fondón por Óscar Trigo en xullo do 2014, a partir dos temas correspondentes aos discos Leña Verde de Pol (Edisco, 1998), Lares (Edisco, 2003) e A Contratempo (Duradisc, 2010)


**********

CRÉDITOS A CONTRATEMPO:

Unha produción da A. C. Leña Verde de Pol, realizada en Fondón por Óscar Trigo,
coa axuda de Javier Rodríguez e Carlos Abraira

INTÉRPRETES:
Noemi Basanta e Begoña Coya: Voz, pandeireta e pandeiro
José Blanco: Acordeón
José Antonio Brañanova: Bombo
Luis Cedrón: Guitarra acústica
Lucía Cedrón: Piano, teclados
Jorge Freire: Contrabaixo
Pablo Huertas: Acordeón
Carlos Abraira: Gaitas en Do e Sib, tin whistle, triángulo
Jesús Penelas: Saxo alto
Eulogio Rivas: Guitarra eléctrica, guitarra acústica
Javier Rodríguez: Saxo alto
Darío Tella: Saxo tenor
Óscar Trigo: Gaita en Do e Sib, tin whistle, saxo soprano, piano, programacións
Rubén Trigo: Tamboril, tarrañolas, caixón, udu, shaker

COLABORACIÓNS:
Naír G. Abelleira: recitado en 1
Dani Flaco: Guitarras eléctricas e acústicas en 7
Bruno Villamor: Gaita en Do en 9
Manuel Vázquez: voz en 12
Xaneco Tubío: pandeireta en 12


**********

CRÉDITOS TEMAS 13-16:

Arranxos de Javier Rodríguez (13,16) e Óscar Trigo (14,15)
Temas rematados de gravar e mesturar en Fondón o 18 de xullo de 2003.
Producidos para a A. C. "Leña Verde de Pol" por Óscar Trigo.

FORMACIÓN 2003:
Jorge Freire: Contrabaixo, voz
Eulogio Rivas: Guitarra eléctrica, clásica e acústica
Luis Cedrón: Guitarra acústica, voz
Óscar Trigo: Gaita, clarinete, piano, tin whistle, ocarina, voz
Iria Folgueira: Gaita, pandeireta
Carlos Abraira: Gaita, tin whistle, pandeireta, voz
Marcos Veiga: Gaita, clarinete
Javier Rodríguez: Gaita, saxofón alto e tenor, cunchas, voz
Darío Tella: Acordeón, trompa, voz
José Blanco: Acordeón
Xabier Gómez: Violín, voz
Manolo Villegas: Violín, voz
Xesús Trigo: Bombo, shaker, voz
J. Antonio Brañanova: Pandeiro, pandeireta, güiro, congas, shaker, voz
Rubén Trigo: Tamboril, tarrañolas, culleres, congas, voz
Benigno Pérez: Castañolas, cunchas, voz


**********

CRÉDITOS TEMAS 17, 18:

Arranxos de Javier Rodríguez.
Temas gravados os días 27 de setembro e 15 de novembro de 1997 nos estudos Edisco (A Estrada, Pontevedra).
Técnicos de gravación: Fernando Campos e Pablo Calleriza.
Mesturados o 21 e 24 de novembro de 1997 en Edisco. Técnico de misturas: Pablo Calleriza.

FORMACIÓN 1997:
Eulogio Rivas: Guitarra eléctrica, clásica e acústica, voz, efectos
Luis Cedrón: Guitarra acústica, voz
Óscar Trigo: Gaita, acordeón, piano, voz
María Pérez e Lucía Rodríguez: Gaita, pandeireta
Carlos Abraira: Gaita, voz
Marcos Veiga e Amador Alonso: Gaita
Javier Rodríguez: Gaita, cunchas, voz
Jorge Freire: Gaita, voz
Darío Tella: Acordeón, voz
José Blanco, Olalla Pérez e Antonio Brañanova: Acordeón
Xabier Gómez e Manolo Villegas: Violín, voz
J. Antonio Brañanova: Pandeiro, pandeireta, voz
Xesús Trigo: Bombo, voz
Rubén Trigo: Tamboril, voz
Benigno Pérez: Castañolas, cunchas, voz
Manolo Carballedo: Harmónica, voz
Berta Alonso e Vanesa Carballés: Frauta de pico
Alicia Ferreiro: Teclados