01. A contratempo (1:42). Naír G. Abelleira / Óscar Trigo
Nace esta introdución da xenerosa creatividade de Naír, compañeira do grupo de danza que escribiu un texto tan poliédrico coma o universo sonoro e humano que o inspirou.      
          

02. Albor en Hío (4:10). Tradicional / Óscar Trigo
A Danza de San Roque de Hío, primeiro corte do disco A Galicia de Maeloc de Milladoiro, marca o comezo da produción discográfica dunha banda que foi referencia do folk galego e mundial e á cal tentamos rendir homenaxe con este tema.

03. Vira o vento e muda a sorte (3:47). Carlos Abraira
O vento vira de rumbo coma a xente nova, que anda na busca da súa sorte. Ás veces debuxa figuras absurdas no fume da leña verde; noutras ocasións, de tanto turrar, deita carballos...

04. Cantarela (2:59). Tradicional / Begoña Coya
Neste tema introducimos as voces de Noemi Basanta e Begoña Coya co único acompañamento das pandeiretas que elas arranxaron. A melodía e coplas da xota foron recollidas por Noemi da súa avoa, Fe Cartea Novo, mentres que a letra da muiñeira que segue correspóndese cun recitado da avoa de Begoña, Justina Fernández Méndez, para o cal a neta creou unha melodía de inspiración tradicional.

XOTA
Nämoreime dun canteiro
porque cantaba mui ben
e agora morro de fame
e o cantar non me mantén

* Ai laralalalalala ailalala ailalala
tralaralalalalala ailalala ailalala

Todos los que cantan bien
beben viño y aguardiente
Yo como canto tan mal
bebo agua de la fuente
*

Dícenme que canto mal
Para mi canto bastante
Y el que no me quiera oír
Que camine adelante
*

MUIÑEIRA
O cantar vai na gracia
O bailar en ser lixeiros
O namorarse en ser guapos
e o campar en ter diñeiro
*

A miña muller morreu
e enterreina no palleiro
e deixeille un brazo fóra
pra que tocase o pandeiro
*

A raíz do toxo verde
é moi mala de secarhe
e os amoriños primeiros
son moi malos de olvidarhe
*


05. Porto Rielo (2:30). Óscar Trigo
Polca que reflicte, entre outros, a admiración pola sonoridade dos Campaneiros de Vilagarcía. O título débese a que un compañeiro, oíndo nos primeiros ensaios desta peza os descensos abundantes da harmonía, bromeou dicindo que semellaba que estabamos baixando o Porto Rielo, unha das zonas de entrada a Mosteiro, onde nos xuntamos tódolos venres á noite dende hai xa dezaseis anos.
Queremos adicar esta peza a tódalas persoas que acudiron nalgún momento a esta cita semanal e, moi especialmente, a Tania Rubiños, acordeonista que compartiu con nós gran parte da preparación deste traballo.  


06. A Farruca (2:54). Tradicional / Javier Rodríguez
Javier Rodríguez, o membro máis veterano e alma de Leña Verde, fóisenos o pasado mes de febreiro. Home de inquedanzas, culto e sensible, compaxinou durante quince anos no grupo a súa faceta de intérprete coa de compositor, sendo unhadas nosas fontes de repertorio. Esta peza foi transcrita por el a partir dun vello disco de pedra da orquestina Os Farrucos, gravación que conservou na súa memoria dende hai cincuenta anos, momento no cal contaba Javier que o seu pai se  desfixera do disco, cambiándollo a un amigo por outro de música asturiana.Tomando como base aquelas muiñeiras engadiulles xiros propios del, converténdoas neste tema, gravado seguindo as súas indicacións.

07. Rumba das nenas (5:52). Tradicional / Óscar Trigo
Outra cantiga tradicional aportada por Noemi e Begoña, que arranxamos tentando destacar a brancura coa que elas a cantan. Aprendérona do mestre Xurxo Fernandes, quen a recolleu en Malpica de Bergantiños co nome de Rumba de Cambre. Neste tema contamos coas guitarras eléctricas e acústicas de Dani Flaco, admirado e vello coñecido cantautor de L'Hospitalet que viviu esta colaboración cunha ilusión e profesionalidade que sempre lle agradeceremos.

Mándame toca-la rumba
e eu a rumba nona sei
para quen está bäilando
eu a rumba tocarei

*Ailalalaralalala ailalalaralala
ailalalaralalala  ailalalaralala

Laralalala laralala
laralalala larala
laralalala laralalala
aiala laralala

Quero ben non sei a quen
quero ben non sei a quen
quero ben a miña naihe
que me quer a min tamén.
*

Vale máis unha morena
alegre de corazón
ca unha branquiña de cara
con pouca desposición
*

Vouvos dá-la despedida
vouvos dá-lo parabén
vouvos dá-la despedida
que ma dan a min tamén
*


08. Lembranzas (4:04). Javier Rodríguez
Segunda aportación de Javier a este disco, un pasodoble inspirado en recordos de toda unha vida en contacto coa música como gaiteiro, acordeonista, saxofonista e compositor. No arranxo tentamos achegarnos, unha vez máis, á sonoridadedas bandas populares, tan presentes na biografía do mestre e tan importantes no noso patrimonio musical.

09. O burriño (2:31). Pedro Lamas
Para nós sempre é un pracer tocar esta fermosa muiñeira de Pedro Lamas, undos gaiteiros máis importantes do país. Contamos nesta gravación coa colaboración especial de Bruno Villamor, outra persoa que, a pesar da súa xuventude, goza de renome no mundo da música tradicional galega, tanto no eido dainterpretación coma no da composición e arranxos. Grazas mil ós dous.

10. Malpica (4:17). TRADICIONAL / Óscar Trigo
Coma no caso da rumba, esta peza foi aprendida por Noemi e Begoña de XurxoFernandes no XXIV curso de cultura tradicional galega, organizado polaasociación Cántigas e Frores de Lugo. Xurxo recolleu as coplas e melodíaen Malpica, A Coruña, co nome de Jota de Cerqueda.

Malpica dos meus amores
o rei te quixo venderhe.
Para mercar a Malpica
moitos cartos hai que terhe

*Ailalalala ailalalala
ailalalalalalalalalala
ailalalala ailalalala
ailalalalalalalalalala

Miña mädriña é boa
cando coce dame un bolo
e cando está ienfadada
báteme ca pá no lombo
*

Os ollos do meu amante
están enterrados na areia
quen fora desenterralos
ten cen anos de cadeia.
*

Miña nai o pote ferve
a vosa filla non vénhe
no pasadoiro da ihorta
ialgún galán a deténhe

Esta vai por despidida
esta vai polo remate
o que diga que vai malhe
que mala morte o mate

Äi vai, äi vai, äi vai o demo
äi vai, äi vai, vai para o inferno
äi vai, äi vai, äi vai o demo.


11. Auga en Marte (3:31). Darío Tella / Carlos Abraira
Darío bautizou esta rumba mentres agardaba para ensaiar polo estudante de xornalismo e tamén saxofonista do grupo Jesús Penelas, quen se desculpou pola tardanza alegando ter vivido na redacción do periódico un auténtico trebón de novas, culminado polo descubrimento ó que fai referencia o título.

12. Panadeiro de Berlán (4:58). Tradicional / Óscar Trigo
Esta xota tradicional pertencía ó repertorio da primeira formación de Leña Verde, da cal formaba parte como gaiteiro Manuel Vázquez Colmenares, o Panadeiro de Berlán. Hai xa sete anos, cando estabamos a remata-las mesturas do anterior disco, José Antonio Brañanova -outro dos históricos de Leña Verde- trae a Manuel ó estudo para que deixase rexistrada coa voz esta xota que lle acababa de cantar no bar Canadá de Mosteiro. A interpretación aproxímase moito á tonalidade das gaitas en DO, algo que nos chamou a atención e que podedes comprobar na introdución do tema. Dálle lustre ó arranxo a pandeireta sabia de Xaneco Tubío, músico e artesán de Outeiro de Rei adicado á construción de zanfonas e instrumentos de percusión tradicional galega.

A contratempo
Duradisc, 2010
Ref. XLV03CD
Dep. legal BI-3116-10

SAÍDA Á VENDA: Dec. 2010

CRÉDITOS:

INTÉRPRETES:
Noemi Basanta e Begoña Coya: Voz, pandeireta e pandeiro
José Blanco: Acordeón
José Antonio Brañanova: Bombo
Luis Cedrón: Guitarra acústica
Lucía Cedrón: Piano, teclados
Jorge Freire: Contrabaixo
Pablo Huertas: Acordeón
Carlos Abraira: Gaitas en Do e Sib, tin whistle, triángulo
Jesús Penelas: Saxo alto
Eulogio Rivas: Guitarra eléctrica, guitarra acústica
Javier Rodríguez: Saxo alto
Darío Tella: Saxo tenor
Óscar Trigo: Gaita en Do e Sib, tin whistle, saxo soprano, piano, programacións
Rubén Trigo: Tamboril, tarrañolas, caixón, udu, shaker

COLABORACIÓNS:
Naír G. Abelleira: recitado en 1
Dani Flaco: Guitarras eléctricas e acústicas en 7
Bruno Villamor: Gaita en Do en 9
Manuel Vázquez: voz en 12
Xaneco Tubío: pandeireta en 12


Concepto visual e deseño de carpeta: Vitoria&Carrasco

Unha produción da A. C. Leña Verde de Pol, realizada en Fondón por Óscar Trigo,
coa axuda de Javier Rodríguez e Carlos Abraira

AGRADECEMENTOS:
A Vitoria e Carrasco, polo talento, a paciencia e a amizade.
A José Luis Fernández, por compartir con nós os seus tesouros.
A Naír, Dani, Bruno, Manuel e Xaneco por deixar neste disco unha parte do seu talento e ilusión.
A tódalas persoas que, mercando este traballo ou de calquera outro xeito, colaboran coa asociación.

Adicado a Benigno Pérez e Javier Rodríguez, IN MEMORIAM.