01. Airiños de Pol (3:59). Javier Rodríguez
Abrímo-lo segundo disco con este froito da inspiración do noso gaiteiro e saxofonista Javier Rodríguez. Adicada ó noso concello, a peza é unha muiñeira en tres partes unha das cales en Fa maior constitúe unha boa proba para a técnica, o oído eo tempero de calquera gaiteiro.

02. Carballeira (5:14). Tradicional / Óscar Trigo
Este tema foi iniciativa de José Antonio Brañanova, un dos membros históricos de Leña Verde. Está construído a partir dunha pequena melodía tradicional que aparece nos cancioneiros con numerosas variantes tanto na música coma no texto. A versión que nós empregamos foi a que nos cantou o propio José Antonio, e que ten como letra a seguinte copla:

Carballeira de San Xurxo
carballeira revirada
naquela carballeiriña
perdín a miña navalla


03. Pasacorredoiras da Feira (2:40). Óscar Trigo
Hai tres anos Leña Verde participou no Festival de Espargo, en Sta. María da Feira (Portugal). Alí coñecemos a unhas familias hospitalarias e xenerosas que fixeron que gardaramos un gran recordo daquela visita. A eles e ós amigos que fixemos en campañas posteriores no país irmán adicamos esta lixeira peza.

04. Maruxa (5:13). Tradicional
Ás veces as pezas cobran vida por si mesmas, e ensaio tras ensaio van cambiando e desenvolvéndose. É o caso desta muiñeira, un dos primeiros temas en incorporarse ó noso repertorio que foi evolucionando canda nós ó longo dos últimos dez anos. Esta non é máis ca unha instantánea do proceso a día 2-5-2003.

05. Pregaria (2:33). Autor descoñecido
Javier atesoura unha inxente cultura musical labrada ó longo de anos de afición por esta arte. É frecuente que, durante os ensaios ou mesmo nunha festa (como ocorreu neste caso) nos entoe algunha peza escoitada por el anos ou décadas atrás. A melodía e mesmo o espírito do arranxo de Pregaria chegan a este disco dende a lembranza dunha emisión radiofónica dos anos '50 gracias ó mestre Rodríguez.


06. Foliada de Monforte (3:20). Tradicional
Esta peza de delicioso sabor tradicional é unha das máis antigas dentro do noso repertorio. Queremos adicala ás persoas que nos acompañaron en anteriores proxectos: músicos e amigos ós que tamén pertence este disco: Manolo Carballedo, Alicia Ferreiro, Vanesa Carballés, Berta Alonso, Olalla Pérez, Antonio Brañanova, Lucía Rodríguez, Amador Alonso, María Pérez, Víctor Esqueira, Javier González, Marcos Fernández e Cristina Prieto.

07. Avelaíña (6:00). Darío Tella
Un dos retos que nos propuxemos nestes tres últimos anos foi dar cabida no repertorio do grupo a composicións dos distintos membros. Darío Tella, un dos acordeonistas do grupo e home cumpridor, entregounos este valse de delicado título.

08. Danza de Cariño (2:42). Tradicional
Presentámo-la nosa particular maneira de entender esta sinxela peza, tentando recrea-lo son das orquestinas que tanto abundaron polo país a mediados do século pasado.

09. Na festa das caldas (4:20). Tradicional
Unha das características da música de transmisión oral é a libre circulación de melodías e letras, o que fai que un canto determinado poida ser escoitado con distintos textos e viceversa. Na festa das Caldas é unha foliada que ilustra perfectamente este feito. Axudáronnos coas voces Andrea Rodríguez e Uxía Rodríguez.

Se queres que o carro cante
móllalle o eixo no río
que despois de ben mollado
canta coma un asubío

Unha silva me picou
ela no camiño queda
nunca muller me engañou
que non me vingara dela

Maruxiña se te vas
déixame unha prenda túa
déixame a túa navalla
para rela-la verdura

RETROUSO:
Fun ó muíño con Paula
fun ó muiño con ela
ela durmiu nos meus brazos
eu durmín nos brazos dela



09. Rapsodia galega (5:42).

Tradicional / Xosé Castro "Chané" / Xoán Montes
As bandas de música foron no pasado unha vía de entrada da cultura musical nas clases populares, xa que non só contribuían a formar músicos, senón que tamén eran practicamente o único medio que tiña un melómano para coñecer pezas de autor (a chamada música "culta", creada por un compositor concreto e transmitida a través dunha partitura). Esta faceta foi -e é- compltada por outra, que consiste na execución de melodías populares arranxadas.
É o caso desta Rapsodia compilada por Javier, un percorrido instrumental por cantos tradicionais, coa única excepción da cita da muiñeira O bico, creación de Xoán Montes inspirada no repertorio tradicional.


10. Troula de Campañó (3:58). Tradicional

Fía, fía, fía na roca
fía, fía, fai mazaroca


Esta é a letra dunha popular cantiga que nós arranxamos en versión instrumental. Como título mantivémo-lo que publicou nun memorable traballo Fía na roca, unha das formacións clave para entende-la evolución do folk galego dos '90.

Lares
Edisco, 2003
Ref. XLV02MC | XLV02CD
Dep. legal C-1699-03

SAÍDA Á VENDA: Ago. 2003

CRÉDITOS:

FORMACIÓN 2003:
Jorge Freire: Contrabaixo, voz
Eulogio Rivas: Guitarra eléctrica, clásica e acústica
Luis Cedrón: Guitarra acústica, voz
Óscar Trigo: Gaita, clarinete, piano, tin whistle, ocarina, voz
Iria Folgueira: Gaita, pandeireta
Carlos López: Gaita, tin whistle, pandeireta, voz
Marcos Veiga: Gaita, clarinete
Javier Rodríguez: Gaita, saxofón alto e tenor, cunchas, voz
Darío Tella: Acordeón, trompa, voz
José Blanco: Acordeón
Xabier Gómez: Violín, voz
Manolo Villegas: Violín, voz
Xesús Trigo: Bombo, shaker, voz
J. Antonio Brañanova: Pandeiro, pandeireta, güiro, congas, shaker, voz
Rubén Trigo: Tamboril, tarrañolas, culleres, congas, voz
Benigno Pérez: Castañolas, cunchas, voz


Arranxos de Leña Verde de Pol, agás 2, 3 (Óscar Trigo); 4 (Javier Rodríguez e Óscar Trigo); 5, 10 (Javier Rodríguez) e 8 (Xabier Gómez)

Rematouse de gravar e mesturar en Fondón o 18 de xullo de 2003.

Producido para a A. C. "Leña Verde de Pol" por Óscar Trigo.